A investigadora do CITIC da UDC, Verónica Bolón, é nomeada nova académica de número da Academia Joven de España

03/06/2020 - CITIC

A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Verónica Bolón, acaba de ser nomeada nova académica de número da Academia Joven de España (AJE), seleccionada xunto con outros 12 membros, entre as 185 candidaturas presentadas. A escolla foi realizada por un comité internacional independente, formado por investigadores de prestixio de diferentes áreas de coñecemento, e aprobada pola Xunta Xeral da AJE o pasado xoves 28 de maio.

Dende a AJE destacan que “só un 7 % dos solicitantes foron seleccionados nun proceso realmente competitivo, especialmente debido á excelente traxectoria profesional dos candidatos. Ademais dos méritos académicos, tivéronse en conta outros factores como a diversidade dos candidatos e das áreas nas que traballan”.

A Academia Joven de España é un foro que pretende servir como plataforma para os novos investigadores, para ofrecer a oportunidade de colaborar e contribuír a dar forma ás políticas de fomento do coñecemento en España. Así, ten o obxectivo de promover a ciencia como opción profesional entre a xuventude, dando visibilidade a mozos e mozas excepcionais, e de fomentar as contribucións da ciencia á sociedade a través do desenvolvemento de novos enfoques co fin de resolver problemas de importancia nacional e internacional.

Verónica Bolón é enxeñeira informática, doutora en Informática pola Universidade da Coruña e profesora no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC. Como investigadora do CITIC, actualmente traballa en temas relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en Aprendizaxe Máquina para Big Data. En 2018 recibiu unha Beca Leonardo da Fundación BBVA para o traballo de investigación “Cando o tamaño importa: selección de características para wearables”. Tamén é secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, participando en actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM.