NOVIDADES



Un grupo de tres profesores do Instituto Politécnico de Porto visitaron o pasado luns as instalacións do CITIC, co obxectivo de buscar sinerxias no desenvolvemento de proxectos do ámbito da realidade aumentada aplicada á saúde e a monitorización con tecnoloxías IoT da poboación. Os asistentes foron Joao Donga, profesor da Escola Superior de Media Artes e Design, Paulo Veloso e Antonio Carlos Correia, profesores da Escola Superior de Saúde e membros do LabRP (Laboratorio de Rehabilitación psicosocial), que foron recibidos polo director e subdirector do CITIC, Manuel F. González Penedo e Javier Pereira, respectivamente.

Desde o CITIC vense colaborando con estas institucións portuguesas desde 2014 e estase traballando en establecer un convenio de colaboración entre a Escola Internacional de Doutorado e o Instituto Politécnico de Porto para favorecer a recepción de alumnos desde a institución portuguesa na UDC.

LER MÁS

A área de investigación de Ciencias da Computación da UDC, na que se engloba a maior parte da produción científica do CITIC, é a segunda mellor posicionada en canto a número de publicacións en Web of Science (WoS) en 2018. Durante o ano pasado, esta área produxo 121 documentos, o que supuxo o 9 % da cantidade total, superada unicamente por Enxeñaría, co 12 % das publicacións.

Web of Science é unha plataforma de información científica que recolle as referencias das principais publicacións de calquera disciplina do coñecemento, tanto científico como tecnolóxico, humanístico e sociolóxico. Trátase dunha ferramenta esencial para o apoio á investigación e para o recoñecemento dos esforzos e avances realizados pola comunidade científica e tecnolóxica.

Máis información

LER MÁS

O representante do CITIC na plataforma europea ECHAlliance, Marcos Ortega, asistiu á Learning Expedition LEX que tivo lugar en Israel do 11 ao 15 de marzo, invitado polo Clúster Saúde de Galicia. O principal obxectivo da Learning Expedition é identificar socios estratéxicos e posibilidades de colaboración, así como coñecer as últimas tendencias e boas prácticas de emprendemento, innovación e xestión local no ámbito da saúde. Marcos Ortega estivo acompañado polo business development manager do Grupo Varpa, integrado no CITIC, Pablo Guillemette.

A axenda destes días estivo repleta de actividades, sendo as máis destacadas as visitas ao Centro Médico Hadassh en Xerusalén, ao Hospital Rabin en Tel-Aviv, á incubadora de empresas eHealth Ventures e ao Google Campus para startups de TelAviv. Ademais, tamén se mantiveron reunións bilaterais con empresas israelís do sector saúde.

Esta actividade intégrase na axuda do IGAPE ao Cluster Saúde de Galicia, denominada “Apoio na promoción exterior conxunta das empresas -Convocatoria Pública Exporta Organismos Intermedios-”. O CSG busca con estas axudas mellorar a internacionalización e fomentar a innovación do sector saúde de Galicia.

A participación nesta actividade está cofinanciada ao 80 % a través do IGAPE e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do Programa Operativo Galicia 2014-2020.

LER MÁS

Este xoves 14 de marzo celébrase na Facultade de Informática da Universidade da Coruña a conferencia "Competition between Two-Sided Platforms under Demand and Supply Congestion Effects", organizada por investigadores do CITIC.

A charla será impartida polo profesor de The Fuqua School of Business da Duke University, Fernando Bernstein, e explorará o impacto da competencia entre plataformas na economía colaborativa. Terá lugar ás 12.30 horas na Aula de Graos Víctor Gulías e a asistencia é libre e gratuíta ata completar aforo.

LER MÁS

O próximo 14 de marzo a sala Cloud do CITIC acollerá a Xornada Novas Ferramentas da Industria 4.0: Solucións de PTC para IoT, Realidade Aumentada e Machine Learning. Está organizada polo CITIC da UDC e a Unidade Mixta UDC-Navantia, colaboran as empresas PTC e Integral PLM.

A xornada estará impartida por Carlos Cosials Ruiz, IoT Senior Biz Consultant de PLM Integral, e Josep Ortega, Channel Business Development Manager para Iberia&MEA de PTC. O seu principal obxectivo é dar a coñecer aos asistentes a súa plataforma de IoT e realidade aumentada así como distintas solucións que aúnan as contornas físicas e dixital (CAD, CAE, PLM) para reinventar a maneira de deseñar, fabricar, operar, reparar ou manter os productos na Industria 4.0.

A xornada, de inscripción gratuíta, está dirixida a investigadores e membros da comunidade universitaria.

Máis informacion da xornada, na nosa sección de eventos.

LER MÁS

O Parlamento Europeo de Bruxelas acolleu esta semana unha exposición sobre a Misión Espacial Gaia, na que participan varios investigadores do CITIC dentro do Grupo Gaia de Galicia. A exhibición, titulada "The Gaia Space Mission: A Triumph of European Science and Technology", tivo lugar do 4 ao 7 de marzo co obxectivo de celebrar o éxito da misión e explicar a ciencia e a tecnoloxía que hai detrás do mesmo. O evento celebrouse en colaboración coa Axencia Espacial Europea e a Sociedade Astronómica Europea.

A Misión Espacial Gaia é unha sonda especial da Axencia Espacial Europea, lanzada o 19 de decembro de 2013 co obxectivo de crear un mapa tridimensional da Vía Láctea no proceso de revelar a composición, formación e evolución da galaxia.

O Grupo Gaia de Galicia (GGG) está formado polos investigadores do CITIC, a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte. O proxecto contempla facilitar á comunidade científica española o acceso inmediato aos datos de Gaia e ás ferramentas e recursos desenvoltos durante a participación.

LER MÁS

O CITIC participará nun novo Doutorado Industrial Europeo (EID), obtido recentemente na convocatoria de 2018 de MSCA (Marie Curie) do Programa H2020. A reunión de arranque (Kick-off) do proxecto ABC-EU-XVA celebrouse os días 5 e 6 de febreiro no CWI de Amsterdam. Participan tamén como beneficiarios académicos as Universidades de Bolonia (Italia), Delft (Holanda) e Libre de Bruselas (Bélxica), nas que estarán inscritos os doutorandos.

Na reunión de arranque, o investigador do CITIC Carlos Vázquez fixo unha presentación do grupo do centro que participará no proxecto, mostrando as súas capacidades na temática e o seu papel no desenvolvemento do proxecto.

O tema do doutorado industrial está relacionado cos axustes de valoración (XVA) como consecuencia da consideración do risco de contrapartida na valoración de produtos financeiros. Trátase dun tema de gran actualidade e relevancia para o sector financeiro, que require de ferramentas matemáticas, numéricas e computacionais avanzadas. Os paquetes de traballo (Workpackages) organizáronse para cubrir as diferentes etapas desde o modelado, pasando pola análise dos modelos, o deseño dos algoritmos e a súa implementación eficiente, ata o tratamento con datos reais. Deseñáronse distintos eventos internacionais relacionados coa formación e a investigación no tema do doutorado industrial. En particular, en xullo de 2019 celebrarase na UDC un curso de Python para finanzas e o Third International Congress in Computational Finance (ICCF2019).

En canto aos seis doutorandos que se formarán dentro do proxecto e que deben cumprir as normas de mobilidade da convocatoria MSCA, dous deles inscribiranse no programa de Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas da UDC e estarán contratados durante tres anos pola UDC. O doutorado industrial europeo ABC-EU-XVA finaliza en outubro de 2022.

LER MÁS

A investigadora do CITIC Beatriz Salvador Mancho incorporouse a primeiros de febreiro a unha estancia posdoutoral no prestixioso Centro de Investigación de Matemáticas e Informática (CWI) de Ámsterdam, tras obter unha bolsa posdoutoral na competitiva convocatoria de ERCIM. A investigadora presentouse á convocatoria das bolsas ERCIM pouco tempo antes de defender a súa tese o 17 de decembro de 2018 na Facultade de Informática da UDC, en parte avalada polas publicacións asociadas á súa tese.

Beatriz Salvador realizou a súa tese baixo a dirección dos profesores e membros do CITIC, Íñigo Arregui Álvarez e Carlos Vázquez Cendón, dentro do programa de doutorado de Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas. A temática da tese enmárcase no modelado, análise matemática e simulación numérica dos axustes de valoración derivados da consideración do risco de contrapartida en certos contratos financieiros.

Durante a súa etapa predoutoral, Beatriz Salvador estivo financiada cun contrato FPI, que lle permitiu realizar estancias na Comenius University of Bratislava para traballar co profesor Daniel Sevcovic, obtendo varios artículos en colaboración.

A concesión da bolsa e a estancia posdoutoral supón unha oportunidade para desenvolver novos temas de investigación no ámbito das finanzas computacionais no CWI durante un ano, prorrogable por un segundo ano.

LER MÁS

O investigador do CITIC Vicente Moret impartirá mañá sábado unha nova charla sobre ciencia no Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis (Culleredo). Leva por título “A Maxia dos Gregos” e está enmarcada no ciclo de charlas divulgativas e coloquios sobre ciencia dirixidos a nenos, aínda que sen excluír a asistencia de adultos.

O ciclo comezou en xaneiro e prolongarase ata xuño. Colaboran na organización o CITIC, a Universidade da Coruña e o Concello de Culleredo.

A inscrición é libre e gratuíta a través deste enlace.

LER MÁS

O próximo 28 de febreiro terá lugar na sala Cloud do CITIC a Reunión do Grupo de Usuarios de VMware Galicia

No evento poderanse coñecer as últimas tendencias de tecnoloxía de virtualización, será un evento centrado na nube híbrida e a automatización con relatores do máximo nivel.

Como peche da xornada haberá sorteos e un cocktail de networking.

A asistencia é gratuita e require inscrición previa a través do seguinte formulario.

PROGRAMA:

09:45 h.- Benvida

10:00 h.- Modernización do centro de datos: O camiño cara á cloud híbrida - WMware

10:45 h.- A alternativa en cloud - OVH

11:30 h.- Pausa - café

12:00 h.- Descubrindo o cloud privado: demo - OVH

12:45 h.- vRealize Automation: O produto e casos de uso - Federico Cinalli

13:30 h.- Fin da xornada, entrega de agasallos e cocktail

 

LER MÁS

O CITIC participa durante estes días no Eurocast 2019 – Congreso Internacional sobre Teoría e Aplicacións de Sistemas por Computador, que ten lugar entre o 17 e o 22 de febreiro en Las Palmas de Gran Canaria. O director del CITIC, Manuel F. González Penedo, xunto coa membro do Scientific Advisory Board (SAB) do CITIC, Petia Radeva, e o investigador e membro do Comité Científico do centro, Marcos Ortega, organizan a sesión “Computer Vision, Machine Learning for Image Analysis and Applications”.

O congreso celebra o seu 30 aniversario e a súa temática é a investigación de vangarda nas ciencias e tecnoloxías de sistemas e de computadoras, incluíndo aqueles que están na fronteira das Tecnoloxías da Comunicación e a Información coas Ciencias Humanísticas e Sociais. Nesta edición, preséntanse 12 grandes bloques que barren un amplo espectro temático da investigación de vangarda nas ciencias e tecnoloxías de sistemas: biomedicina, realidade virtual, modelado de fluxos turísticos, sistemas intelixentes de transporte, entre outros.

LER MÁS

Os días 14 e 15 de febreiro tivo lugar en Lisboa  University Business Forum, un evento organizado pola Dirección Xeral de Educación e Cultura (DG EAC) da Comisión Europea, o Consello de Reitores de Universidades Portuguesas (CRUP) e a Universidade de Lisboa.

Baixo o título “Cooperación Universidade-Empresa: unha combinación eficiente para a innovación e o desenvolvemento inclusivo”, o evento mostrou como a cooperación empresarial e universitaria pode ser un gran apoio no desenvolvemento de cidades e territorios intelixentes e sostibles. O encontro reuniu a académicos, líderes de empresas innovadoras e funcionarios e axencias gobernamentais de diferentes países europeos.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e presidente do Comité de Dirección do CITIC, Salvador Naya, participou nunha mesa redonda na que se discutiron os próximos pasos a seguir para fomentar a cooperación universidade-empresa nos ámbitos da innovación e o desenvolvemento inclusivo. Naya presentou como caso de éxito o programa INTALENT UDC-INDITEX. Acompañárono na súa conferencia os investigadores do programa Elena Pazos e José Antonio Cortés, que falaron da súa experiencia como beneficiarios do mesmo.

LER MÁS

O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, asistiu esta mañá ao almorzo informativo do Fórum Europa. Tribuna Galicia, no que interviron participantes dos campos político, económico e social. O encontro contou coa presencia, entre outros, da Conselleira de Educación, Carmen Pomar, e a deputada do Congreso e Vicesecretaria xeral de Comunicación do Partido Popular, Marta González.

O evento está impulsado por Nueva Economía Fórum, un foro que proxecta as súas actividades como medio para que os principais representantes das institucións, a clase política e a sociedade civil se expresen ante un público que demanda respostas aos retos que teñen planteadas as sociedades na actualidade.

Así, as súas reunións pretenden ser un punto de encontro entre os primeiros actores do panorama político económico e social, no que expresar e confrontar publicamente planteamentos e opinións.

LER MÁS

O 27 de febreiro a sala Cloud do CITIC acollerá a xornada informativa "A protección do software. Dereitos de autor e patentes", organizada pola OTRI da UDC xunto co CITIC, en colaboración coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

Os principais obxectivos desta xornada son dar a coñecer as posibilidades de protección do software dende un punto de vista legal e estratéxico e impulsar o uso da información de patentes no mundo universitario.

A irrupción das novas tecnoloxías nos mercados tradicionais supón un cambio substancial, onde o software configúrase como o activo de numerosos negocios dixitais. Por outra banda, a protección dos coñecementos xurdidos da investigación é cada vez máis valorada (resultados transferibles ás empresas, sexenios de investigación, etc.), polo que esta xornada pode ser unha referencia á hora de definir as estratexias de actuación dos grupos de investigación da UDC.

A  xornada está dirixida a investigadores do CITIC, membros da comunidade universitaria e empresas colaboradoras. 

A inscrición é gratuita e pode formalizarse ata o 25 de febreiro ás 14:00 horas a través do seguinte formulario.

Máis información da xornada, nesta ligazón.

LER MÁS

O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e o investigador da área de Percepción, Cognición e Interacción, Marcos Ortega, asistiron onte en Madrid á IV Jornada ASD - Transformación Digital en Salud: compromisos vs. realidades, organizada pola Asociación Salud Digital.

Un dos obxectivos da Asociación é analizar a situación da implantación das TIC en saúde en España, así como plantear e consensuar unha visión de futuro para elas. Con este propósito plantéase a IV Jornada ASD, para trazar unha panorámica actualizada desta transformación dixital nos sistemas sanitarios, planteando as propostas necesarias para avanzar neste terreo.

Así, esta xornada quere ser un punto de encontro entre os profesionais que están traballando no impulso da innovación no sector da saúde, para compartir ideas e proxectos.

Cabe destacar que o CITIC é socio corporativo da Asociación Salud Digital, xunto con outras entidades de renome internacional como DKV, InterSystems e Indra.

LER MÁS

O responsable de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC, Manuel Bustabad, atópase estes días en Transfiere, o 8º Foro Europeo para la Ciencia, Tecnología e Innovación, que ten lugar en Málaga e que está considerado como un dos principais eventos de I+D+i do panorama nacional.

Trátase dun foro profesional e multisectorial para a transferencia de coñecemento e tecnoloxía, que pretende ser un punto de encontro entre os grupos de investigación e as empresas, para impulsar a innovación e contribuír a mellorar a competitividade do sector empresarial. Conta coa presencia de 4.000 profesionais de 40 países diferentes, máis dun millar de empresas e de 4.700 grupos de investigación.

Durante estes días o CITIC manterá encontros B2B con diferentes empresas e entidades destacadas do ámbito da I+D+i nacional e internacional, co obxectivo de buscar oportunidades e futuras colaboraciones.

O CITIC forma parte dunha comitiva liderada pola Axencia Galega de Innovación - GAIN, na que están presentes as Universidades galegas, a Administración pública e outros axentes como centros tecnolóxicos, clústers, etc.

 

Xosé Manuel García, responsable de Innovación e colaboración UDC-Empresa da OTRI da UDC, e Manuel Bustabad, responsable de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do CITIC.

LER MÁS

O CITIC asistiu aos Premios TIC Galicia 2019, unha gala desenvolta no marco da LaconNetwork e impulsada polo Clúster TIC Galicia. Estes galardóns recoñecen o labor de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na sociedade da información, poñendo de relevo o traballo de entidades e profesionais.

Así, a investigadora do CITIC e presidenta da AEPIA, Amparo Alonso, recibiu a Mención Especial-Traxectoria, pola súa brilante traxectoria profesional e pola súa loita contra a brecha de xénero no sector TIC.

A LaconNetwork é un evento de networking que se consolida como referente nacional e que reúne estes días a emprendedores e inversores de todo o país en A Coruña. O obxetivo que se persegue é que os 27 proxectos galegos consigan captar a atención dos 25 inversores presentes.  

 

LER MÁS

O grupo IRlab do CITIC foi seleccionado na primeira fase da convocatoria do Programa Innovate, para a valorización de resultados de investigación do Campus Innova. O obxectivo do programa, financiado polo propio Campus Innova e a OTRI da UDC, é identificar e valorar os resultados da investigación levada a cabo no seo do Campus Innova, a través da análise inicial do seu potencial de transferencia, así como a posta en valor do coñecemento desenvolto polos grupos relacionados coas áreas de especialización do Campus.

Desta forma, unha vez acabada a primeira fase do programa de xerarquización de solicitudes, o grupo IRlab pasa á segunda fase de análise na área Innova TIC, unha das tres áreas de especialización do Campus Innova.

Pola súa parte, a misión do Campus Innova é consolidar a UDC coma un polo de coñecemento de excelencia rexional, nacional e internacional na área de coñecemento das TIC e outras tecnoloxías innovadoras, e a súa hibridación con outras áreas coma as humanidades e as ciencias da vida.

LER MÁS

Hoxe celébrase o Día da Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID, polas súas siglas en inglés), unha iniciativa proposta pola Unión Europea dentro do proxecto SafeBorders e adoptada pola rede Insafe.

O obxectivo do Día da Internet Segura é promover e debatir sobre a necesidade de ter unhas tecnoloxías dixitais máis seguras, especialmente para nenos e adolescentes. Esta edición de 2019 conta co lema "Unha Internet mellor comenza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura".

Por iso, desde o CITIC queremos axudar neste obxectivo e fomentar unha serie de recomendacións e precaucións que todos os usuarios de Internet debemos ter en conta:

  • Actualizar os equipos
  • Utilizar contrasinais seguros e cambialos periodicamente
  • Contar con antivirus e firewall
  • Realizar copias de seguridade
  • Non abrir correos nin descargar arquivos de direccións sospeitosas
  • Utilizar redes seguras
  • Non proporcionar datos personais en sitios enganosos

LER MÁS

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publican dúas convocatorias conxuntas: os contratos predoutorais para persoal investigador e as axudas para grupos de referencia máis competitivos do Sistema galego de I+D+i. Estas liñas de axuda están dirixidas ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), organismos públicos de investigación, fundacións de investigación sanitaria e os centros en Galicia do CSIC e do IEO.

Por unha banda, o obxectivo do programa de contratos predoutorais é fomentar a formación do persoal investigador dende etapas iniciais. Inclúe estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe mínimo de 6.000 euros en función do destino.

Por outro lado, o obxectivo das axudas para grupos de referencia é o de asegurar un financiamento estrutural e continuado, permitindo a consolidación tanto de grupos de referencia competitiva coma de potencial crecemento.  

Máis información

LER MÁS

O responsable da Unidade de Xestión de Innovación e Transferencia do CITIC, Manuel Bustabad, e o investigador da área de Percepción, Cognición e Interacción, Francisco Nóvoa, atópanse no CiscoLive 19, que ten lugar en Barcelona entre o 28 de xaneiro e o 1 de febreiro. Trátase dun evento internacional de Cisco que se celebra de forma anual e está dirixido a empresas do sector das telecomunicacións, ciberseguridade, sistemas, etc.

O obxectivo do CITIC é buscar oportunidades e novas vías de colaboración con diferentes institucións, na área da ciberseguridade e en innovación de redes de datos.

LER MÁS

O CITIC acollerá o próximo 28 de febreiro a reunión do Grupo de Usuarios de VMware Galicia. O evento está centrado na nube híbrida e a automatización e poderanse coñecer as últimas tendencias de tecnoloxía de virtualización. Participan no encontro relatores do máximo nivel neste ámbito. Ao finalizar a xornada, haberá sorteos e un cocktail de networking.

A asistencia é gratuíta e requiere inscrición previa a través do seguinte formulario.

PROGRAMA

09:45 h. Benvida

10:00 h. Modernización do centro de datos: O camino cara a cloud híbrida - WMware

10:45 h. A alternativa en cloud - OVH

11:30 h. Pausa - café

12:00 h. Descubrindo o cloud privado: demo - OVH

12:45 h. vRealize Automation: O produto e casos de uso - Federico Cinalli

13:30 h. Fin da xornada, entrega de regalos e cocktail

LER MÁS

Os investigadores do CITIC Graciela Estévez e Mario Francisco participan na 4ª Reunión General Biostatnet, que ten lugar o 25 e 26 de xaneiro en Santiago de Compostela. Graciela Estévez exporá mañá a conferencia “A ranking procedure for functional data” e, pola súa parte, Mario Francisco participa tamén mañá sábado na mesa redonda "Data Science, Statistics and Training", coa charla "Degree in Data Science and Engineering at UDC".

O principal obxectivo desta reunión é reforzar os vínculos entre os membros da rede Biostatnet, así como o de intercambiar os últimos avances científicos obtidos polos seus membros.

Un dos principais obxectivos da Red Nacional de Bioestadística é promover a investigación bioestatística de excelencia, de carácter interdisciplinar que se realiza en España, fomentando, entre otras accións, a colaboración entre os grupos da rede.

LER MÁS

A investigadora do CITIC, Inés Barbeito, impartirá a conferencia "Bandwidth selection methods based on bootstrap closed expressions: prediction in regression". O seminario terá lugar mañá 24 de xaneiro ás 12 horas na Aula de Graos Víctor Gulías da Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

A asistencia é libre e gratuíta e non é necesaria inscrición previa.

LER MÁS

A directora do Campus Innova da UDC e investigadora do CITIC, Susana Ladra, foi invitada por a Comisión Europea a participar no evento H2020-MSCA-RISE-2018 Coordinators' Day. En concreto, interveu nunha mesa redonda sobre boas prácticas en accións de divulgación e comunicación dos resultados dos proxectos H2020 na que se mostrou como caso de éxito o proxecto BIRDS, do que Ladra é coordinadora.

Susana Ladra, a través do proxecto BIRDS que coordina, non deixa de acadar logros. Cabe recordar que o pasado mes de outubro recibiu de mans da Presidencia Austríaca do Consello da UE o premio Marie Sklowska-Curie Actions 2018 na categoría “Briding (carrer) paths” que valoraba as habilidades emprendedoras e o vínculo intersectorial dos proxectos H2020. Para optar ao premio era necesario presentar un vídeo sobre o proxecto. Esta publirreportaxe foi realizado pola Unidade de Medios Audiovisuais da UDC en colaboración co CITIC.

O proxecto BIRDS, Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941). BIRDS xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volúmenes de datos existentes en diferentes campos de aplicación como a bioinformática e a recuperación de información. No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal.

LER MÁS

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), acaba de publicar unha nova convocatoria do Programa Principia, consistente nun conxunto de axudas por un importe de 10.000 € para a contratación de persoal para realizar actividades de I+D+i. Contémplanse 110 contratos e o obxectivo é estimular a demanda no sector público e privado de persoal cualificado para o desenvolvemento das actividades.

As axudas poden ser solicitadas por empresas e organismos de investigación: Universidades, fundacións, centros tecnolóxicos públicos ou privados, etc. O prazo de presentación estará aberto ata o próximo 11 de abril.

Máis información

LER MÁS

O CITIC recibiu estes días a visita de dous grupos de alumnos de bacharelato. Por unha parte, onte martes visitaron o centro 16 alumnos da asignatura de TIC de 2º de bachillerato do IES Eusebio da Guarda. O responsable da unidade de sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, explicoulles o funcionamento do Centro de Proceso de Datos (CPD) do centro.

Hoxe foron os alumnos do IES María Casares de Oleiros os que coñeceron as instalacións do CITIC. O subdirector do centro, Javier Pereira, fixo unha presentación global do mismo e posteriormente realizáronse dúas exposicións de proxectos colaborativos do CITIC. Os investigadores Paula Fraga, Lucía Ramos e Óscar Blanco presentaron o proxecto Concordance, sobre a prevención de colisións para UAVs utilizando técnicas de Deep learning e sensórica optimizada; e os investigadores Alberto Alvarellos e Ignacio Fraga expuxeron o proxecto Treboada, no que se utilizan técnicas de predición de precipitacións mediante sensores de baixo custo e aprendizaxe máquina. Finalizou a explicación do proxecto cunha visita á cubierta do CITIC para mostrarlles aos alumnos o funcionamento in situ dos sensores de predición de precipitacións instalados en dita cuberta.

Alumnos do IES Eusebio da Guarda

Visita dos alumnos do IES Eusebio da Guarda ao CPD do CITIC

O subdirector do CITIC presentando o centro  aos alumnos do IES María Casares de Oleiros

As investigadoras Paula Fraga e Lucía Ramos presentando o proxecto Concordance

Óscar Blanco, investigador do proxecto Concordance, facendo unha demostración de voo de drone.

Alberto Alvarellos, mostrando aos alumnos o funcionamiento dos pluviómetros do proxecto Treboada

LER MÁS

A investigadora do CITIC, catedrática da UDC e presidenta da AEPIA, Amparo Alonso, presentará o ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial que organiza a Fundación Paideia.

Durante o evento, abordaranse os principais conceptos relacionados coa Intelixencia Artificial e o papel que xogarán os algoritmos, os datos, a robótica e o Big Data na sociedade actual e futura, e as súas aplicacións e repercusións no laboral, económico, social, político, persoal, etc. Así mesmo, as implicacións éticas que van supoñer os algoritmos, a Inteligencia Artificial e a utilización dos datos e como vai afectar todo isto aos cidadáns e ao control social.

O ciclo comeza o próximo xoves 17 de xaneiro coa conferencia “Inteligencia Artificial: El futuro que ya es presente”, que impartirá o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da Universidade de Nottingham, Humberto Bustince.

A asistencia ao ciclo é gratuíta previa inscrición en www.paideia.es/eventos

LER MÁS

BookAuthority seleccionou o libro “Adventures in Computer Science”, escrito polo investigador do CITIC Vicente Moret, como un dos 12 mellores libros sobre computación cuántica a nivel mundial. BookAuthority é un sitio web líder a nivel mundial de recomendacións de libros de non fición.

A publicación “Adventures in Computer Science” ten como enfoque a unidade básica de información, o bit, e a forma en que a nosa comprensión deste elemento evolucionou ao longo do tempo. Moret cubre conceptos relacionados con información, computación clásica e reversible, lóxica, mecánica cuántica, computación cuántica, termodinámica, intelixencia artificial e algo de bioloxía, todo abordado desde o punto de vista das ciencias da computación.

LER MÁS

Investigadores do Centro de Investigación en TIC da UDC levaron a cabo entre os anos 2015 e 2018 o Doutoramento Industrial Europeo WAKEUPCALL, centrado no ámbito das finanzas cuantitativas. WAKEUPCALL desenvolveu formación e investigación en aspectos matemáticos e computacionales actualmente necesarios no sector financeiro e asegurador, tras a recente crise financeira. 

Este proxecto contou cun financiamento dun millón e medio de euros a través da convocatoria MSCA de 2014 da Unión Europea pertencente ao programa H2020, na modalidade Initial Training Networks- European Industrial  Doctorates (ITN- EID).

O grupo coruñés, liderado polo catedrático e investigador do CITIC Carlos Vázquez Cendón, foi o responsable, entre outras tarefas, de coordinar o Workpackage de Riscos e de organizar numerosas actividades formativas como a “ Summer School on Quantitative Methods for Risk Management in Finance and Insurance”, celebrada en 2016 na Facultade de Informática da UDC, e a “Study Week WAKEUPCALL  with the financial Industry”, celebrada nas sedes de Analistas Financeiros Internacionais e na Cidade do Banco de Santander en 2017. Tamén se organizou un “ Crash Course on Python for finance”, impartido na Facultade de Informática da UDC por Íñigo Arregui e José Antonio García, membros do  CITIC.


En  WAKEUPCALL tamén participaron investigadores da Universidade de Bolonia e a Universidade de Delft, así como profesionais do Banco de Santander, a consultora Analistas Financeiros Internacionais, a aseguradora  Unipolsai, a empresa italiana Nier, a empresa holandesa de software Vortech e a consultora global Ernest and Young, xunto co prestixioso Centro de Investigación en Matemáticas e Informática CWI de Amsterdam. É precisamente no CWI onde se celebrou recentemente a reunión de clausura do proxecto na que se expuxeron os resultados alcanzados, que deron lugar a seis teses doutorais no ámbito das finanzas cuantitativas realizadas en colaboración cos beneficiarios industriais. 

O responsable no CITIC-UDC, Carlos Vázquez Cendón, indica que “no seu momento a concesión do Doutoramento Industrial Europeo foi un recoñecemento desde Europa e unha gran responsabilidade. O desenvolvemento do mesmo foi unha experiencia excelente de colaboración entre todos os axentes involucrados da universidade e a industria, que ademais deu máis visibilidade internacional á UDC e, en concreto, á súa Facultade de Informática, ao seu grupo de investigación M2NICA e ao seu Centro de Investigación en TIC”. 

En WAKEUPCALL participaron activamente, ademais de Vázquez Cendón, os membros do CITIC Íñigo Arregui, Carmen Calvo, Ana Ferreiro e José Antonio García.

LER MÁS