Presentación de resultados do proxecto Geria-TIC, baseado en tecnoloxía wearable para promover o envellecemento activo

12/12/2018 - CITIC
  • Os resultados da fase de desenvolvemento foron presentados hoxe no Centro DomusVi Carballo e Oleiros. O CITIC é unha das entidades participantes na iniciativa.
  • Geria-TIC púxose en marcha en 2016 co obxectivo de desenvolver un modelo de medicina participativa con persoas maiores mediante o uso de tecnoloxías wearables para mellorar a súa calidade de vida.

A Coruña, 12 de decembro de 2018.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) participan xunto coas empresas Aldaba, Geriatros-DomusVI e a Clínica Cobián no proxecto Geria-TIC. Os resultados da fase de desenvolvemento deste proxecto presentáronse esta mañá no Centro DomusVi de Carballo. Pola tarde terá lugar o acto de presentación no centro de Oleiros. A iniciativa ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través do uso de tecnoloxías wearables.

O proxecto Geria-TIC, que se puxo en marcha en 2016, está impulsado por un consorcio formado por Aldaba, Geriatros-DomusVI, a Clínica Cobián e a UDC a través do CITIC e o INIBIC, para desenvolver un modelo de medicina participativa con persoas maiores a través de pulseiras de medición de actividade física e sono e dunha aplicación personalizada que permite recoller as ocupacións e percepcións dos usuarios participantes.

A iniciativa centrouse na mellora de tres aspectos: a prevención de caídas, o insomnio e a incontinencia urinaria. Participaron na fase de desenvolvemento 25 usuarios dos Centros DomusVi Carballo e Oleiros e os datos obtidos permitirán, nunha segunda fase, definir perfís de usuarios e predicir cambios de comportamento aplicando técnicas de intelixencia artificial.

Investigadores da área de percepción, cognición e interacción do CITIC, liderados polo subdirector do centro, Javier Pereira, foron os encargados de desenvolver os aspectos tecnolóxicos e de investigación do proxecto, realizando a recollida de datos das probas piloto e a análise da información a través da plataforma ClepIO, que ten como obxectivo crear un novo modelo de prestación de servicios sociosanitarios, no que os residentes tomen conciencia do autocoidado e a responsabilidade na propia saúde, facéndoos partícipes do seu benestar. Ademais, permite que os familiares poidan estar informados en tempo real do estado e as melloras na saúde dos seus maiores.

O proxecto Geria-TIC, presupostado en 765.191 euros, está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Programa Conecta PEME 2016 e conta con fondos FEDER da Unión Europea. Na súa avaliación acadou a segunda mellor cualificación de Galicia entre as case 200 solicitudes presentadas.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.